Castellano | English | Français
Susana Seivane Susana Seivane
Ir a tienda
Inicio > Discografía > Os soños que volven
Compartir:

Os soños que volven

2009 ENAVIES

Alá polo 1999, vía a luz o meu primeiro traballo discográfico en solitario. Dez anos xa, mi madriña!, se mo din daquela seguramente non o crería.

O certo é que, dende aquel momento, sempre tiven na cabeza poder facer este traballo que agora vos presento:
“Os soños que volven”
. Quería que “volvesen” ós días de hoxe, parte daquelas melodías que me acompañaron no camiño, a Banda Sonora da miña vida. Como se soe dicir, non están todas as que son pero si son todas as que están.

Afortunadamente temos un patrimonio envexable, riquísimo, e tiven que facer unha selección entre uns douscentos temas cós que me xuntei, aqueles que máis me gustaban deste repertorio que toco dende os tres anos.

Dez anos dan para moito, persoas importantes para min ás que lles agradecer tanto…, moita xente á que quero, uns que se van e outros que veñen… Ben sabedes os que sodes e… sodes moitos! Gracias ós que me apoiastes sempre, ós que me queredes, animades e admirades o traballo que fago con tanto orgullo. Á miña familia, ós meus amigos… e a ti. Gracias ós meus músicos e ós equipos de traballo que me acompañastes durante todos estes anos. A todos os que me axudastes na información e recompilación dos temas.

Aquí tedes “Os soños que volven”, estas son as melodías da miña infancia, da miña vida, é como se as levara na alma. Aquí tedes parte de mín.

Gracias a todos, de corazón.

Listaxe de cancións

01 Foliada do Quinteiro

Xulio Amado Silva creou esta melodía en Bos Aires a finais dos anos 80. No ano 1990, xa retornado da Arxentina, Xulio interpretouna no I Concurso de Gaita Fin de Siglo. En 1994, os seus compañeiros e amigos meus do grupo Xeito Novo, incluírona no seu disco “Galimérica” xunto cunha muiñeira baixo o título “Foliada e Muiñeira do Quinteiro”.

Gaita en Do: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara
Violíns: Harry Price
Zanfona: Anxos Pintos

02 Maruxa

Esta muiñeira, na que se poden recoñecer partes que foron tocadas por Os Morenos de Lavadores, pertence ó repertorio dos meus amigos do coro Cántigas da Terra da Coruña. Aparece gravada no disco Galicia Enxebre no ano 1976 baixo o título “Na Romería”. Aprendina sendo moi pequena co título que agora leva.

Gaita en Do e pandeiretas: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo: Iago Rodríguez
Tamboril tradicional e percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara
Latexo: Brais Seivane, no sexto mes de xestación da miña irmá Saínza

03 Dous mares

Eu, coma Joan Manuel Serrat, nacín no Mediterráneo. Ó carón deste mar, pasei os meus primeiros anos de vida tomando contacto coa música e a cultura do Atlántico da man do meu pai. Cando cumprín os dez, regresamos todos a Galicia. O mar é moito máis bravo, pero o seu recendo éncheme a alma.

Este tema está formado por tres pezas. A primeira é “As Ciroliñas”, un valse da zona de Baldaio que aprendín con dezasete anos no grupo Ramo Cativo do que formaba parte. A segunda e o “Valse Galego” do repertorio do mítico e admirado cuarteto Os Campaneiros. A terceira trátase da primeira peza composta por Carlos Justo, “Na fonte da Falperra”, que adicou á fonte con ese nome da zona vella de Vigo.

Voz e gaita en Sib: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara
Violíns: Harry Price

LETRA

Por unha prenda querida
que entrou aghora no baile
botarei a noite toda
ata mañá pola tarde

(Retrouso)
E vai de rumbiña e vai de rumba
e vai de rumbiña a noite toda
a noite toda, a noite toda
e vai de rumbiña e vai de rumba

04 Mazurcas das Rías Baixas

Estes ritmos alegres enraizaron e callaron moi ben nos grupos de gaitas de mediados dos século pasado que amenizaban bailes e seráns. Se ben non son xenuinamente galegos, si que reflicten o carácter festeiro e bailador do noso pobo.

A primeira destas mazurcas chámase “A Balastreira” e formaba parte do repertorio de Os Areeiras de Catoira. Tócoa dende moi pequena e é unha desas pezas polas que teño especial predilección. A segunda é “A Laranxeira”, composta polo gran gaiteiro e amigo que, como diría Rosalía de Castro “sempre levo no maxín”, Nazario González “Moxenas”. Adicoulla no 1982 a unha señora de Bembrive que vendía laranxas. Contaba Moxenas, que a xente do campo recollía en cestas a verdura, as patacas, etc. e estaban obrigados a pasar polas cabinas do concello para que todo fose pesado, e pagar a taxa correspondente para, deste xeito, poder vendelo na praza de Vigo. El axudouna en varias ocasións agochando algunha cesta de laranxas no seu coche para aforrarlle algúns cartiños.

Gaita en Do: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baby bass: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara
Arpa: Rodrigo Romaní

05 Que dirán

Meu avó Xosé Manuel Seivane, fixo o servicio militar en Palmeira, Santa Uxía de Ribeira, alá polo 1943. Un ano polas festas do lugar, actuaba un grupo que, segundo el, era unha especie de charanga. Gustáronlle moito as pezas que tocaba aquela formación e, entre elas, escoitou precisamente esta que era un tema instrumental. Quedouse coa melodía na cabeza e decidiu poñerlle a letra que hoxe ten. Eu aprendina del sendo ben pequena. Acostumamos a cantala moi a miúdo nas festas familiares e algunha vez na televisión… Gústanos moito. Posiblemente sexa unha canción de tantas, pero esta é a nosa…

Voz, coros e pandeiretas: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara
Zanfona: Anxo Pintos
Programacións: Suso Ramallo

LETRA

Adiós que me voy del mundo
porque la tierra me llama
adiós que me voy del mundo
morena la resalada.

(Retrouso)
Que dirán, que dirán, que dirán por aí
que te quero e te amo e me morro por ti.

Tu dices que non me queres
e fas ben decilo así
a culpa de non quererme
é que eu non te quero a ti.

Paxariño gorreión
dime donde te-lo niño
nun capuchiño de pelo
naquel mismo furadiño.

06 Fox-trot

Esta peza aprendeuma a miña amiga e gaiteira Luisa Sarmiento da Coruña, cando eu tiña uns 14 anos. Era do repertorio dos Irmáns Garceiras de Melide e, posiblemente, fose un tema importado de Sur América. Aínda así, coma moitos outros ritmos foráneos, cadra moi ben co carácter galego e préstame moito interpretalo coa gaita.

Gaita en Sib: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baby bass: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería e percusións: Carlos Gándara
Requinta: Luís “O Caruncho”
Cavaquinho: Suso Ramallo

07 Reviravolta

Esta muiñeira é outra das xenialidades de Moxenas que compuxo no 1982. Nazario valoraba esta peza por ser escollida para a súa interpretación polos novos gaiteiros de sona. Moxenas, alí onde esteas, espero que che guste ver que a túa “Agachadiña” tamén a quixo gravar no seu cuarto disco.

Gaita en Sib: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara
Trompeta: Ricardo Formoso
Saxo tenor: José Manuel Rodríguez
Saxo soprano: Pedro Lamas

08 Para Milladoiro

Baixo este título espero que disfrutedes da belísima “Marcha do Bereixo”, do repertorio do gaiteiro Xosé Antonio de Bereixo de Cedeira, e da coñecida e non menos fermosa “Alborada Antiga de Ourense”. Escollín estes dous temas, aparte de que son dos que máis me emocionan dende sempre, porque me lembran ós meus padriños musicais: Milladoiro.

Falar de Milladoiro, é falar do grupo galego con máis sona e máis experiencia dentro e fóra de Galicia. Eles foron a proa do barco que abriu a ruta para todos os que, dun xeito ou doutro, navegamos polo mar da música galega. Foron os primeiros en recalar en portos nos que a nosa cultura resultaba descoñecida. Foron, e seguen a ser, faro e guía das novas xeracións do folk galego. Eu non quero deixar pasar esta oportunidade sen felicitarvos este ano polo voso 30 aniversario. Trinta anos cheos de boa música e de forte compromiso coa cultura galega.
Gracias e parabéns, Mestres!

Gaita en Sib: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baby bass: Iago Rodríguez
Batería: Carlos Gándara
Arpa: Rodrigo Romaní
Violíns: Harry Price

09 A Moxenas

Unha pequena e persoal homenaxe para este gran gaiteiro que tiven a sorte de coñecer en persoa, de tocar e de rir con el… Sempre sentín gran admiración por Moxenas. Non só polo seu xeito de tocar e de compoñer, que me encanta, senón tamén porque era unha persoa excepcionalmente divertida. Ríase moito comigo. Recordo que lle ensinaba os meus debuxos do colexio e eu non paraba de rir cós comentarios que el facía das miñas “obras”.

“A Moxenas” consta de dúas pezas da súa autoría, pezas que coñezo dende moi pequena e que tiven o honor de tocar con el nalgunha festa. A “Xota de Muxicas” compúxoa para gravar có seu grupo Muxicas. Nesta peza quixo o propio autor que todos os seus compañeiros puxeran o seu grao de area aínda que a melodía fose súa. A segunda peza é “Agachadiño na Freixa”, que compuxo no 1994 para ser obra obrigada no XXVII Concurso de Gaitas da vila de Ponteareas celebrado no mes de setembro dese mesmo ano. El mesmo formou parte do xurado.

Moxenas, non te esquecemos, agora debuxo algo mellor…

Gaita en Do e pandeiretas: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Tamboril tradicional: Carlos Freire
Bombo tradicional: Carlos Gándara

10 A Coruña

A primeira das tres pezas que forman este tema é a “Xota de Ourense”, peza que un gaiteiro ourensán, de apelido Longines, ensinou a Raúl Galego. Este gran gaiteiro coruñés divulgouna dentro do grupo Millo Verde do que forma parte. A segunda peza é a “Foliada de Pontevedra” que aprendín do coro Cántigas da Terra da Coruña. Cantárona por primeira vez no ano 1921. A terceira é a “Xota de Ordes”, popular desta vila e divulgada por Sementes do Arte, Ordes.

Gaitas en Sib e Do, pandeiretas, voz e coros: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara

LETRA

O que pase pola Cruña
verá cousas de regalo
xardíns todos feiticeiros
e do Hércules bó faro

(Retrouso)
Miña queridiña arrumba o refaixo
a banda de arriba bótaa para abaixo
a banda de abaixo bótaa para arriba
arrumba o refaixo miña queridiña

Viva Cruña viva Lugo
viva Ourense e Pontevedra
viva a nosa nai Galicia
viva a gaitiña galega

11 Foliada de Caión

Outra peza que aprendín do coro Cántigas da Terra da Coruña. Foi recollida por Xerardo Roque no ano 1920 e doada polo el mesmo ó arquivo de Cántigas no 1925.

Gaita en Lab, pandeiretas, voz e coros: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara

LETRA

Eu caseime por un ano
por saber que vida era
o ano foise acabando
solteiriña quen me dera

(Retrouso)
A miña aboíña por noitar no muíño
anda enfariñada morrendo co frío
morrendo co frío cando vai xiada
a miña aboíña métese na cama

Se soubera que ti dabas
pasadiñas por me ver
tamén che dera palabra
doutros amores non ter

Á fontiña vou por auga
ó muíño por moer
á túa casa por verte
e nunca te poido ver

12 Muiñeira do Graciano e A Fraga

A muiñeira é do repertorio de Graciano Argiz Ledo de Muradelle, Chantada. O “Pasodoble da Fraga”, do repertorio dos Gaiteiros da Fraga da zona de Ordes (A Coruña).

Gaita en Do e pandeiretas: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería e percusións: Carlos Gándara
Saxo soprano: Pedro Lamas

13 Pernas pra riba

Cando meu avó tiña uns oito anos, aprendeu esta canción da miña bisavoa Estrela, unha muller moi comprometida có folclore galego que tiña moi bo oído musical e cantaba moi ben. Coñecía moitas cancións que tarareaba ó meu avó para que el as puidera tocar na gaita. Deste xeito, pola transmisión oral da súa nai, aprendeu moitas das melodías que hoxe toca.

“Pernas pra riba” foi unha peza obrigada no repertorio do grupo Airiños da Ribeira que, anos máis tarde, fundaba o meu avó. El di que a tocaban sempre, que gustaba moitísimo pola zona por onde eles ían ás festas, Asturias, Fonsagrada… Tamén é unha peza que sempre tocamos todos xuntos, que nunca falta nas nosas festas familiares. Dentro deste tema, incorporei a primeira parte doutro do seu repertorio. Aprendeuno deste xeito: sendo moi cativo, estaba nunha festa cós seus pais e estes perdérono de vista. A nai púxose moi nerviosa e o pai tranquilizouna: “Non te preocupes Estrela, o neno ha de estar xunto ó gaiteiro da festa”. E, efectivamente, foron xunto ó gaiteiro e alí estaba o meu avó ó seu carón mirando como tocaba aquel home, quedándose con esta melodía que logo incorporou ó seu repertorio.
Despois deste susto riron moito a aventura do rapaz. Aquel gaiteiro era o crego de Sinde, chamábase Francisco e ía acompañado polo seu irmán Fulgencio que tocaba a caixa. Eles dous subíanse ó escenario no descanso das bandas de música, que antes era o que se estilaba xa que non había orquestras como hoxe en día. Di meu avó, que este crego, Francisco, foi o mellor gaiteiro que el coñeceu en persoa por aqueles anos.

Voz, coros e gaita en La: Susana Seivane
Acordeón diatónico: Brais Maceiras
Bouzouki: Xurxo Iglesias
Baixo, guitarra eléctrica e programacións: Iago Rodríguez
Percusións: Carlos Freire
Batería: Carlos Gándara
Trompeta: Ricardo Formoso
Saxo tenor: José Manuel Rodríguez
Saxo barítono: Pedro Lamas
Programacións adicionais: Suso Ramallo

LETRA

Ten cuidado montañesa
non baixes ó meu rebaño
que te podes quedar presa
ai, nas redes do rabaño

(Retrouso)
Pernas pra riba
pernas pra abaixo
pernas pra riba
as miñas debaixo

Eu pedinllo a unha nena
aló do val do Viveiro
respondeume a picarona
casa comigo primeiro

14 Pasodoble de San Roque

Debe de ser unha das primeiras pezas que aprendín. É un pasodoble moi popular na zona das Rías Baixas, do repertorio dos Irmáns Portela os que, probablemente, a adaptaron dun tema moi semellante de Os Morenos de Lavadores.

Para gravar esta peza quixen invitar a todos estes grandes músicos tradicionais, e grandes amigos, en lembranza dunha noite na Praza Maior de Ourense na que tamén a tocamos todos xuntos.

Gracias a todos. Orgullo gaiteiro!

Gaitas en Do: Pablo Carpintero, Iván Area, Gonzalo Abelairas, Fernando de Vicente, Agustín Iglesias “Pirulo” e César Senra
Frauta de madeira: Cástro Castro
Acordeóns diatónicos: Félix Castro e Brais Maceiras
Tamboril tradicional: Carlos Freire
Bombo tradicional: Susana Seivane
Pandeiretas: Trinidad González e Patricia López

© 2024 Susana Seivane.