Castellano | English | Français
Susana Seivane Susana Seivane
Ir a tienda
Inicio > Noticias > Susana edita o seu cuarto traballo no 10º aniversario do seu primeiro disco
Compartir:

Susana edita o seu cuarto traballo no 10º aniversario do seu primeiro disco

Durante o mes de xuño, Susana Seivane publicará o que será o seu cuarto traballo discográfico. Despois de ‘Susana Seivane’, ‘Alma de Buxo’ e ‘Mares de Tempo’, ‘Os soños que volven’, que así se vai chamar o novo disco, é unha homenaxe á música tradicional galega. Esta nova achega de Susana está chea de melodías pegadizas e acordes sorprendentes.


A súa paixón pola tradición, a súa longa experiencia de máis de 10 anos nos escenarios do mundo, e a súa propia inquietude artística, conducen agora a Susana á recreación dos temas que interpretaba na súa infancia. Vellos sons rescatados desde unha perspectiva actual que é froito da forza dos seus directos dos últimos anos.


Estas pezas ‘de toda a vida’, de engaiolante sinxeleza, son debuxadas, do xeito máis enxebre, pola gaita e a voz de Susana sobre un lenzo revestido de harmonías, ritmos e concepcións musicais contemporáneas e atrevidas. Unha nova cor xurde desta mestura que ven a demostrar que a música tradicional está viva, e casa á perfección cas tendencias e arranxos máis evolucionados.

© 2018 Susana Seivane.